O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a concelleira de Turismo, Sheila González Martíns, participaron nunha reunión de traballo presidida polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e os delegados territoriais da Xunta en Vigo e Pontevedra, Ana Ortiz e e Agustín Reguera. Na xornada tamén participaron outros alcaldes e alcaldesas do Camiño Portugués da Costa como a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e representantes dos concellos de A Guarda e Redondela; para abordar as necesidades deste itinerario para poder marcar a folla de ruta dos próximos anos no que é un dos itinerarios xacobeos que está a crecer con máis intensidade.
No encontro abordouse o crecemento que está a alcanzar este itinerario que percorreron máis de 66.000 peregrinos e que está a crecer a un ritmo de máis do 40%. Tamén se abordou a importancia da súa internacionalización xa que o 80% dos peregrinos que realizan este itinerario son estranxeiros, especialmente de Alemaña, EEUU, Italia, Portugal ou Polonia. Lembrouse tamén algunhas medidas que están a permitir mellorar a capacidade alojativa da ruta, como a posta en marcha do albergue de Vigo, incluído na Rede Pública de Albergues do Xacobeo, que no que vai de ano recibiu máis de 9.700 peregrinos, 200 máis que nas mesmas datas o ano pasado. Ou o de Redondela que recibiu máis de 7.200, cun incremento tamén de 200 peregrinos.
Tamén se lembrou o apoio da Xunta de Galicia para mellorar e reforzar o patrimonio deste itinerario coa liña de axudas específica para proxectos no Camiño de Santiago por máis de 5 millóns de euros, do que foron beneficiarias iniciativas como o futuro hotel e restaurante do Mosteiro de Oia, ou tamén o restaurante e hotel nos faros grande e pequeno de Cabo Silleiro, así como un establecemento de aloxamento turístico na cidade de Vigo.
A reunión serviu, ademais, para analizar os traballos de conservación que levan realizando nos distintos tramos deste itinerario xacobeo que, desde o seu oficialización supuxo un investimento de máis de 1,6M€.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal