O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, recibe ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, co propósito de estudar posibles vías de colaboración entre ambas as administracións en materia turística, xa que cada vez son máis os cruceiristas que chegan a Vigo por mar e decántanse por coñecer a súa área de influencia.
Neste sentido, o máximo responsable portuario trasladou ao rexedor as inmensas oportunidades que ofrece o Espazo Atlántico. Segundo asegurou Carlos Botana, cada vez é maior o interese das navieiras polo Val Miñor, concretamente por Baiona, así como polos viños das Rías Baixas, tal e como lle trasladaron persoalmente na última edición de Fitur.
Igualmente, referiuse ao Faro de Cabo Silleiro como outro reclamo para este turismo no Val Miñor, á vez que puxo sobre a mesa a súa intención de reforzar a colaboración que existe actualmente co Concello no Foro de Economía Azul (Blue Atlantic Forum), consciente da súa importancia como lugar de encontro entre profesionais, estudantes e público en xeral interesados nas oportunidades que ofrecen os ríos, mares e océanos para vivir nun mundo máis sostible.
Concello de Baiona