Baiona ilumina de cor rosa a casa do Concello na noite deste luns ao amparo da conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama, que se celebra cada 19 de outubro. Deste xeito a institución únese á demanda de ADICAM, a Asociación de Diagnosticade@ s de Cancro de Mama e xinecolóxico, para visibilizar ás persoas afectadas pola enfermidade. O edificio municipal leva iluminado desta cor desde o martes da semana pasada, toda unha semana tamén para tratar de dar maior visibilidade a esta enfermidade e aos colectivos que traballan na loita da mesma e con persoas afectadas.
Cada ano diagnostícanse en España máis de 33.000 novos casos de cancro de mama e xinecolóxico en España e por iso fai falta visibilizar esta doenza para concienciar á sociedade da importancia da investigación e diagnóstico precoz.
O cancro de mama trátase do tumor máis frecuente nas mulleres occidentais. De feito una de cada oito mulleres terá cancro de mama ao longo da súa vida e entre o 2012 e o 2019 detectouse un incremento da enfermidade do 7,5%. Para un gran número de mulleres en idade laboral o cancro supón un serio agravante á súa situación socioeconómica, ao ter que asumir elevados custes derivados da enfermidade, ademais de ter un importante impacto emocional, físico, persoal, familiar, laboral e económico entre as mulleres que padecen a enfermidade.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal