O Concello de Baiona en colaboración con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia) está a impartir un Programa de Estimulación Terapéutica para persoas con necesidades específicas do que se están beneficiando veciños e veciñas do municipio.
Os talleres diríxense a persoas co obxectivo de desenvolver a estimulación cognitiva e funcional, ao mesmo tempo que se proporciona apoio aos familiares coidadores.
O Alcalde do Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca “o compromiso do Concello en proporcionar recursos á nosa poboación e dar continuidade aos programas, sendo unha resposta dos dereitos que a cidadanía demanda”.
Os talleres teñen lugar os luns e venres nas instalacións do Edificio Multiusos Ángel Bedriñana, Rúa Carabela Pinta número 9, en horario de mañá de 10:30 h. a 13:00 h.
Aquelas persoas interesadas en participar no programa poderán inscribirse ata completar aforo chamando ao teléfono 986385926 en horario 9 a 14.
TALLER “CULTIVA A MENTE”
O Departamento de Servizos Sociais, do que é responsable a edil Concepción Vara, dá continuidade a este programa iniciado no ano 2019, cunha acollida elevada e que continuou consolidándose no 2020.
Este ano “Cultiva a mente”, prolóngase afianzando a continuidade do mesmo.
Impártese todos os luns e martes de 17:00 h a 19:00 h no Multiusos Anxo Bedriñana, está dirixido a maiores de 55 anos interesados no desenvolvemento activo e participativo, promovendo hábitos de vida saudables, mantendo un rol que facilita unhas mellores relacións sociais, a prevención da soidade, así como a independencia e a autonomía persoal.
Desde o departamento infórmase de que está aberto o período de inscrición para participar nos talleres ata límite de aforo. As persoas interesadas deberán chamar ao teléfono 986385926 en horario de 9 h a 14 h.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal