O Concello de Baiona realizou este xoves un minuto de silencio para render homenaxe á veciña de Gondomar presuntamente asasinada pola súa parella na tarde de onte e en repulsa da violencia machista. O equipo de goberno xunto cun grupo de veciños e veciñas, gardaron ás 11:00 da mañá na Praza do Concello o minuto de silencio. O Alcalde, Carlos Gómez, e a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira, manifestaron a súa repulsa e condena a este tipo de actos, onde as mulleres son sempre as prexudicadas.
Esta mesma tarde a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona realizará na praza do concello un acto simbólico onde se colocará unha candea en memoria de cada unha das mulleres asasinadas no que vai de ano. Desde a concellería convídase a toda veciñanza que se queira unir a este acto que terá lugar ás 19:00h. Seguiranse todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias, cumprindo coa normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal