O Concello de Baiona vén de acometer a reforma integral do céntrico Parque Infantil Os Tendais coa substitución dos xogos existentes, a renovación do pavimento de caucho e a mellora da accesibilidade deste espazo ao abeiro do Plan Concellos da Deputación. O deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, e o alcalde Carlos Gómez inauguraron hoxe os traballos realizados na área infantil, que contaron cunha achega provincial de ao redor de 50.000 euros, e que permitiron, como subliñaron, modernizar e adecuar esta contorna ás necesidades de seguridade para as crianzas.
O deputado Santos Héctor remarcou a importancia da actuación realizada, que dá resposta á demanda da veciñanza. “Supón un antes e un despois para as crianzas da contorna –destacou o deputado-, pero tamén para as de todo o concello cunha magnífica obra”. Destacou que a reforma supón a renovación completa do parque, “que certamente tiña un chan e uns elementos deteriorados e que necesitaba un cambio”. “Temos que felicitar ao alcalde e ao Goberno local por esta actuación –apuntou-, coa que agora as nenas e os nenos poden xogar e pasar momentos de ocio nunha zona máis divertida e, o máis importante, máis segura para elas e eles”.
Pola súa banda, o alcalde Carlos Gómez, lembrou que as obras acometidas solucionan as “grandes necesidades” do parque, “polo que espero que nenos, nenas, pais e nais poidan agora desfrutar deste espazo no centro da vila”. Agradeceu o apoio da Deputación para abordar esta e outras actuacións, tanto a través do Plan Concellos como do ReacPon que, segundo explicou, teñen suposto nos últimos catro anos un investimento de tres millóns en Baiona. “Ogallá máis administracións –afirmou- colleran o seu exemplo para investir en Baiona, o cal axuda a transformar e mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas. Espero que sigamos traballando desa mesma maneira, porque é así como poderemos acadar todos os nosos obxectivos”.
Amais da renovación dos xogos e a substitución do pavimento de caucho continuo existente, que se atopaba en mal estado, por outro, a reforma acometida tamén inclúe o movemento do valado da entrada para mellorar a accesibilidade ao espazo, o pintado do peche perimetral do parque en diferentes cores e a súa protección insecticida e funxicida. No que atinxe aos xogos, no recinto instalouse unha estrutura en forma de castelo dotada de tobogáns, tubos e unha parede de escalada con cordas, amais de bambáns.