Os próximos 15 e 16 de abril volve o mellor bádminton nacional á vila de Baiona con motivo da celebración da xornada final da liga Nacional Bronce no Pavillón Municipal da localidade.
O Club Escola Rosalía Peixes Vimar foi o adxudicatario desta xornada por parte da Federación Española de Bádminton e dada a afinidade entre o Club e o concello de Baiona, onde o Club posúe unha escola desde hai xa varios anos, é polo que se quixo que o bádminton de máximo nivel volva a “voar” nesta localidade.
Baiona foi berce de grandes xogadores e xogadoras do noso deporte durante os anos 80 e 90 e onde todo o Val Miñor era un referente a nivel nacional no noso deporte. Por iso, desde o Club Escola Rosalía Peixes Vimar estamos a tentar devolver a esta localidade ao lugar que se merece.
Esta última xornada decidirá a clasificación final da mesma polo que en terras baionesas, a recado, haberá moitos nervios e tensión para os posibles ascensos e descensos de categoría, xa que a maioría dos 12 equipos participantes chegan a esta cita xogándose algo tras as xornadas anteriores celebradas en Huelva, Alfajarín e Lanzarote.
Na competición participan os seguintes equipos C.B. Alfajarin (Zaragoza), ADC Arroyo Tejada (Madrid), CB Ronda (Málaga), CIDE (Mallorca), CB Huesca La Magia (Huesca), Recreativo IES La Orden (Huelva), Larios Rental Jorge Guillén (Málaga), Lanzarote Raqueta Club (Lanzarote), CB Mao (Mahón), CB Palencia (Palencia), CB Valladolid (Valladolid) e o anfitrión Club Escola Rosalía Peixes Vimar (Pontevedra).
Nestes momentos a clasificación está encabezada polo Recreativo IES La Orden, seguidos por CIDE e AD Arroyo Tejada empatados na segunda praza e por CB Mao, Larios Rental Jorge Guillén e Escola Rosalía Peixes Vimar na terceira praza que loitarán polas 2 prazas de ascenso á división de prata. Mentres que pola loita de evitar o descenso están CB Alfajarín, CB Valladolid e CB Ronda.
Os horarios dos enfrontamentos serán o sábado 15 de abril ás 11:00 horas e ás 16:15 horas mentres que o domingo 16 de abril será o último enfrontamento ás 10:00 horas.
Podes consultar toda a información en https://www.badminton.es/sport/league/draw?id=07B688F5-2F63-48DB-BC48-FBEEDA7A7FDA&draw=19
Este evento é patrocinado pola Federación Española de Bádminton e o Concello de Baiona e conta co apoio do Consello Superior de Deportes, a Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Asociación Escola Rosalía de Castro e das firmas privadas da Federación Española de Bádminton O Corte Inglés, Iberdrola, Loterías e Apostas do Estado e Yonex.
Á rolda de prensa de presentación celebrada esta mañá asistiron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, o Xefe do Servicio Provincial de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides Alosnso, a Concelleira de Deportes de Baiona, Andrea Pérez González, Jesús Gómez, Presidente Club Escola Rosalía e Paula Espinosa, Xogadora do Equipo de Liga Nacional Club Escola Rosalía.
O Alcalde de Baiona agredece “a implicación dos organizadores neste evento que atraerá ata Baiona a un gran número deportistas durante esa fin de semana para disfrutar de esta disciplina”.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal