Tal e como se publicou no DOG, na nova regulación proposta para os profesionais do socorrismo, auméntanse as posibilidades de acceso ao rexistro que os habilita para desempeñar ditas funcións mediante “cursos de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo” en: instalacións acuáticas ou espazos acuáticos naturais.
A finalidade, indican o Goberno autonómico no texto, é que se poida acoller o maior número de persoas a esta vía de acceso” e conseguir así “un número suficiente de profesionais” que dean cobertura en Galicia á “crecente demanda de socorristas, que ano tras ano vai en aumento”.
Así, o curso de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en instalacións acuáticasen a Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración de 265 horas, está composto por cinco módulos: proba específica, prevención de situacións de risco e vixilancia en instalacións acuáticas, intervención e rescate en instalacións acuáticas, primeiros auxilios e actuación inicial en emerxencias nas instalacións acuáticas e prácticas profesionais non laborais de socorrismo en instalacións acuáticas.
O curso de adaptación para espazos acuáticos naturais conta cos mesmos módulos, pero a súa duración é de 270 horas. Pódese consultar a descrición de cada módulo formativo na publicación da Xunta.
Ademais dos cursos, o decreto establece unha serie de requisitos mínimos para poder exercer como socorrista, tales como o certificado de profesionalidade de socorrismo, o título de técnico deportivo en salvamento e socorrismo ou o título de técnico superior en ensino e animación sociodeportiva, entre outros.
Tamén os formados no grao de ciencias da actividade física e o deporte, ou titulación universitaria equivalente, poderán acceder ao Rexistro Profesional. Para iso, deberán acreditar superar os contidos establecidos no anexo IV ou superar os créditos que dan dereito á obtención do título de licenciado/a ou graduado/a, exceptuando aqueles que correspondan ás materias do Practicum e de fin de grao.
PERSOAL AUXILIAR
Doutra banda, e co fin xa citado de conseguir o máximo número de profesionais posibles, regularase trambién a figura do persoal auxiliar de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais.
Estes profesionais realizarán funcións informativas, “velando polo cumprimento da normativa aplicable” e comunicarán ás usuarias que accedan aos espazos os avisos e comunicados que se realicen polos órganos competentes en materia de emerxencias, seguridade e protección civil.
Tamén realizarán primeiros auxilios, “realizando o conxunto de accións e técnicas que lle permitan asistir de forma inmediata a unha persoa lesionada no lugar do accidente”; así como tarefas auxiliares de axuda ou socorro, sempre baixo a dirección do persoal socorrista ou, no seu caso, dos servizos de Protección Civil.
A este respecto, a Xunta matiza que os auxiliares “en ningún caso poderán substituír ao persoal de socorrismo acuático” e que é obrigatoria a presenza física do persoal socorrista no lugar de traballo.
Para poder autorizarse como auxiliar de socorrista, ademais doutros requisitos formativos concretos pormenorizados na publicación, o interesado deberá estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.
As solicitudes dos interesados en inscribirse no Rexistro deberán presentarse “preferiblemente” por vía electrónica a través do formulario que figura no anexo V do decreto, dispoñible na sede electrónica da Xunta. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente.
Por último, o Executivo autonómico regula os centros que poderán impartir os cursos de adaptación. Poderán facelo, ademais da Academia Galega de Seguridade Pública -órgano do que depende ademais o Rexistro-, as universidades e outros centros acreditados, que poderán obter o dereito formativo mediante un o anexo VIN, tamén dispoñible na sede electrónica da Xunta.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal