–“Non podo permanecer calado, co esforzo dos nosos veciños e veciñas somos de novo a referencia turística de Galicia, pero Baiona non existe para o goberno galego”, lamenta Carlos Gómez Prado
–“Nin un só proxecto de futuro, as contas non recollen ningunha das nosas demandas en materia sanitaria, educativa, saneamento, infraestruturas, a gratuidade da AG-57… nada”, engade o alcalde
O alcalde do Concello de Baiona, Carlos Gómez Prado, amosa a súa “perplexidade ante os Orzamentos da Xunta para o ano 2023, anunciados como os máis altos da historia de Galicia pero nos que Baiona non existe”.
“Vimos de pechar un verano espectacular, co esforzo de todos os nosos veciños e veciñas Baiona é de novo a referencia turística de Galicia, por iso a decepción é aínda maior, unha mágoa que non podo tolerar, non podo permanecer calado ante esta sequía de investimentos”, sostén o alcalde.
Carlos Gómez Prado lembra que “solicitei en varias ocasións unha reunión co presidente da Xunta, tanto con Alberto Núñez Feijóo como agora con Alfonso Rueda, para falar de proxectos e investimentos; penso que Baiona o merece, pero sigo á espera”. “Si mantiven encontros coa delegada territorial da Xunta e con outros representantes do goberno galego, cheas de boas palabras e promesas incumpridas”, manifesta.
“O centro de saúde necesita unha mellor cobertura sanitaria de forma urxente, levamos anos esperando por investimentos en materia educativa como a ampliación da Escola infantil O Areal, e o Val Miñor é un clamor para pedir a gratuidade da AG-57”, afirma.
En palabras do alcalde de Baiona, “a Xunta de Galicia sabe ademais que a renovación da ETAP debe ser prioritaria e aínda estamos pendentes da segunda fase da humanización de Sabarís, pero insisto, Baiona parece que non existe para o goberno galego”.
Despois de varios días de análise pormenorizada das contas, Carlos Gómez lamenta que “só dúas partidas fagan referencia a Baiona, en concreto polas tarefas para reducir o risco de inundacións o para o caudal ecolóxico, ambas actuacións por certo con financiamento europeo e das que xa levamos moito tempo falando, é inevitable que os orzamentos recollan partidas para a súa continuidade, aínda que veremos nos próximos meses se non son tamén papel mollado”.
“Como alcalde do Concello de Baiona, pelexarei para que nas emendas aos orzamentos teñamos presenza, que a Xunta rectifique e aposte por Baiona, está moi ben presumir de Galicia e do turismo, pero os municipios necesitamos servizos básicos para fixar poboación e atraer visitantes”, remata.