O alcalde do Concello de Baiona, Carlos Gómez Prado, considera “inaceptables as deficiencias do transporte público por estrada”, apoia as numerosas queixas veciñais e esixe á Xunta de Galicia “unha solución urxente, levamos dous anos así”.
Os problemas comezaron en decembro de 2020, coa adxudicación por parte da Xunta de Galicia do novo contrato a UTE Lugove. “Moi pronto chegaron as queixas por parte dos veciños en canto ao incumprimento dos horarios, os cambios nas rutas ou a supresión de paradas sen previo aviso”, lembra Gómez Prado.
Ante esta situación, o Concello púxose en contacto coa Consellería de Mobilidade e a Xefatura Territorial, onde se falaba de axustes no comezo da prestación do servizo que se irían resolvendo, algo que non sucedeu.
“O mal funcionamento do servizo repercute no día a día dos nosos veciños de forma moi grave, chegando tarde ao traballo ou a citas médicas”, engade o alcalde. A empresa concesionaria carece ademais dunha oficina de atención aos usuarios.
Aos afectados hai que sumar os 109 universitarios naturais da vila, e ademais a situación está repercutindo moi negativamente no proxecto ‘Baiona Campus Residencial Universitario’, iniciativa empresarial creada pola Asociación de Empresarios de Baiona (ACEBA) en colaboración co Concello.
Os irracionais horarios do transporte provocan impuntualidade, e ás veces impedimento, a hora de que os alumnos asistan presencialmente ás clases, causando importantes consecuencias para os mesmos.
Esta non é unha situación que afecte só a Baiona, senón que a empresa contratada a través da Consellería de Mobilidade da Xunta ven incumprindo o seu contrato en reiteradas ocasións nos diferentes municipios do Val Miñor.
“O transporte público é fundamental para unir municipios e dar acceso a servizos básicos á cidadanía, polo que debemos esixir o cumprimento dos horarios para que a xente poida utilizalo con frecuencia e a diario con seguridade; debemos esixir unha boa xestión deste servizo público”, afirma o rexedor.
“Desde o concello levamos dous anos pedindo solucións, pero non chegan, polo que estudaremos outras medidas de presión”, apunta Gómez Prado. O transporte metropolitano é xestionado pola Xunta con achegas económicas de todos os concellos adheridos.