O alcalde do Concello de Baiona, Carlos Gómez Prado, esixe “asistir e formar parte, en representación dos meus veciños e veciñas, á reunión que manterán a Xunta de Galicia e a empresa Lugove polas continuas deficiencias do transporte público interurbano”.
As queixas dos veciños e veciñas de Baiona son constantes desde decembro de 2020, cando a Xunta de Galicia adxudicou o contrato á UTE Lugove, por incumprimento dos horarios, cambios nas rutas ou a supresión de paradas sen previo aviso.
“Despois de dous anos e medio de queixas e demanda de solucións á Xunta, que é a que xestiona o contrato, o goberno galego busca agora unha foto a un mes das eleccións sen contar cos concellos afectados”, lamenta Carlos Gómez Prado, tras ter coñecemento de que a Xunta convocou a unha reunión nos próximos días á empresa Lugove para pedirlle explicacións polas queixas dos viaxeiros no Val Miñor.
“O transporte interurbano funciona en Galicia con achegas económicas de todos os concellos adheridos, que son os que ademais coñecemos mellor as deficiencias e os problemas do día a día”, engade o alcalde, que considera “ilóxico buscar solucións sen a presenza dos principais afectados”.
“Xa desde a adxudicación do contrato puxémonos en contacto coa Consellería de Mobilidade e a Xefatura Territorial; entón xustificaban as deficiencias en axustes no comezo da prestación do servizo que se irían resolvendo, algo que nunca sucedeu”, lembra Gómez Prado.