Dende hoxe está dispoñible o novo portal que habilitou o Concello de Baiona para achegar en maior grao a información relativa ao consistorio á cidadanía de Baiona e tamén para gañar en claridade de contidos. A nova web substitúe a anterior mudando de dominio www.baiona.gal
A Concelleira Yasmina Moreira Costas, a fronte da área de Novas tecnoloxías, foi a encargada do proxecto, cuxo obxectivo é manter informada á veciñanza, especialmente neste momento de crise sanitaria do Coronavirus. A páxina web municipal é elemento de información e achegamento dos cidadáns e cidadás á administración, e neste caso ó Concello, na realización dos seus trámites, máis aínda durante esta crise que estamos vivindo onde se prioriza o distanciamento como norma, por razóns de seguridade.
Tal como explica a Concelleira, o incremento no uso das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación) para nos relacionar, tamén coa administración, tívose en conta ao deseñar a páxina web municipal facéndoa máis accesible, intuitiva e visual, ao mesmo tempo que facilita o sistema de cita previa para que a veciñanza que precise achegarse ao Concello a facer calquera trámite que non poida facerse a través de internet, poidan solicitar a súa cita fácil e rapidamente.
Esta nova web pretende ofrecer un servizo que facilite a participación da veciñanza na realidade municipal, xa que se procura que sexa a nova vía tanto de información como instrumental, que se converta nunha ferramenta, coa que se quere abrir una ventá cara o mundo e cara o futuro, amosando todo o que Baiona ten e pode ofrecer no ámbito social, patrimonial, cultural, económico e turístico que fai de Baiona única nalgúns aspectos.
A nova páxina web presentase como unha páxina intuitiva, o que implica sinxeleza e comodidade á hora de navegar. Con un reducido número de clics, pódese acceder á información que máis interesa de forma rápida. As características que destacan nesta nova web son a proximidade, axilidade, facilidade de uso e accesibilidade, adpátase a calquera dispositivo (teléfono móbil, ordenador, tablets…) para facilitar ao máximo a súa navegación.
Máis alá do novo deseño e de coñecer á corporación municipal, na web os veciños e veciñas poderán encontrar a axenda e actualidade, que inclúe as novas que se van xerando a diario no Concello. É un sistema vivo; todo o que até agora a veciñanza atopaba no taboleiro de anuncios do concello, poderá consultalo online desde calquera lugar. Os veciños e veciñas tamén terán comunicación directa con cada concelleira e concelleiro que forman parte do equipo de goberno facéndolles chegar por email as súas inquedanzas ou dúbidas.
A estruturación de contido fíxose de acordo coas necesidades e prioridades da veciñanza baionesa; fuxindo da estruturación clásica, obsoleta e sobrecargada de información da anterior web.
Dende o comezo dixemos que queríamos ser o goberno das persoas e para as persoas, e por iso, a nova web, coa nova configuración que presenta, ten que responder a esta premisa “Primeiro a veciñanza”, explica a concelleira , Yasmina Moreira.
Así, os cambios introducidos na nova web en relación coa anterior pretenden salientar contidos con valor para a veciñanza, moitos dos cales permanecían invisibles. Como por exemplo dar maior visibilidade e protagonismo ás parroquias que conforman o Concello de Baiona, amosar as instalacións municipais, gabarnos do noso patrimonio natural, cultural, etnográfico e paisaxístico.
A intención tamén é que tódalas persoas que dun xeito ou doutro estén vencelladas ao noso municipio ou queiran coñecelo, poidan informase sobre as instalacións, servizos, actividades, tradicións ou programas que se ofertan dende as distintas áreas administrativas. Foi un traballo arduo; a antiga web tiña moitas limitacións e esta fixémola dende cero – explicou Moreira – pero pagou a pena e agora a imaxe de Baiona ao mundo, a súa ventá a través da internet, está completamente renovada”, conclúe.
Ademais, para que a información chegue directamente á cidadanía, tamén se integraron na web os perfís oficiais das diferentes redes sociais: Facebook: @concellodebaiona.gal; Instagram: concellodebaiona.gal; Twitter: @ConcelloBaiona. E tamén a canle de Youtube: Concello de Baiona.
A maiores da empresa encargada de deseñar a nova páxina web, o do novo portal municipal é un proxecto no que traballou a área de novas tecnoloxías e o gabinete de prensa do Concello de Baiona.Un traballo que continuará no tempo xa que o contido desta web vaise actualizar a diario e serán sendas áreas ás que estarán encargadas desta importante tarefa.
Este proxecto forma parte da remodelación substancial da comunicación do Concello, con cambios como a introdución dunha nova imaxe de marca de Turismo de Baiona, a apertura e impulso das redes sociais, e a posta en funcionamento desta nova web municipal cuxa principal ideativo sempre como finalidade achegar a xestión municipal á veciñanza e converterse nunha ferramenta útil para as usuarias e usuarios. Son estas dúas máximas as que puxaron ao Concello de Baiona a redefinir o seu portal web”, destaca o Alcalde, Carlos Gómez Prado.
Ademais, engade que “Era un dos compromisos do Alcalde e do equipo de goberno para facer unha administración máis transparente e acercar a xestión municipal do concello a veciñanza”. Gómez agradece a labor feita pola concelleira de novas tecnoloxías a empresa encargada do proxecto e os técnicos municipais.
A empresa encargada do proxecto cuidou especialmente, non só o deseño (intuitivo, visual e en consonancia coa imaxe corporativa da localidade) senón tamén a programación, a estruturación de contidos e os pequenos detalles que farán da navegación nesta nova web unha viaxe á nosa Baiona dende o mundo virtual.