O Concello de Baiona organiza por primeira vez unha campaña solidaria de recollida virtual de alimentos en colaboración cos supermercados con establecementos no municipio. Os fondos de toda a recadación da campaña irán destinados integramente á compra de alimentos por parte da ONG de Baiona “Ayuda al Mundo Necesitado”.
Debido á situación provocada pola COVID-19 e ante a imposibilidade de realizar a campaña nos supermercados da forma habitual, a recollida vaise a desenvolver nun novo formato de doazón máis seguro para os doantes. Ao non poderse recoller comida de maneira física nos supermercados adheridos á campaña, todas as doazóns serán económicas ao pasar por caixa, ao longo da próximos quince días do mes de decembro, do 1 ao 15. Deixaranse nun fondo a nome da ONG en cada un dos establecementos para que a entidade adquira os produtos alimenticios necesarios para a súa repartición entre as familias menos favorecidas do municipio.
O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, reuniuse cos responsables de zona das tres grandes superficies con establecementos en Baiona, Froiz, Erosky e Carrefour, para facerlles chegar a proposta desta campaña pioneira no municipio, e mostraron a súa total colaboración e non dubidaron en apoiar a iniciativa.
Esta mañá tivo lugar a rolda de prensa de presentación da campaña que ten por título “Este nadal, merca con corazón, a túa solidariedade, o mellor agasallo”.
O Alcalde de Baiona, dixo que “todos temos algo que achegar a ela estou seguro da solidariedade dos baioneses e baionesas, que non me cabe dúbida será abafadora. Está máis que demostrado que somos unha vila solidaria”.
O rexedor quixo destacar o gran labor que se fai desde a ONG de Baiona “Ayuda al Mundo Necesitado” así como o papel fundamental da súa presidenta Juana Alonso: “Na actualidade e coa nova crise derivada da pandemia do COVID-19, a presidenta e o seu grupo de voluntarios viron aumentar notablemente o número de familias que demandan a súa axuda. Un importante número de familias reciben comida desta entidade sen ánimo de lucro, que non traballa con diñeiro senón con alimentos, roupa e xoguetes. Desde o Concello ideamos esta campaña co fin de axudarlles a encher os andeis de alimentos para esas familias menos favorecidas”.
Pola súa parte a presidenta Juana Alonso mostrouse moi entusiasmada coa campaña e agradeceu ao Concello de Baiona a súa posta en marcha neste momento tan necesario. Alonso tamén animou aos veciños e veciñas a participar agradecendo danteman a súa participación.
Gómez lembrou que “desde o Concello seguimos remando cos veciños e veciñas menos desfavorecidos porque xuntos, sumamos No orzamento para o ano 2021 aumentouse a partida en emerxencia social nun 110%. Unha partida destinada os veciños e veciñas con dificultades e sobre a que non se descarta unha ampliación do montante en función das circunstancias”.
O Alcalde de Baiona pediu solidariedade a todos os veciños e veciñas da localidade para que participen nesta campaña. Tamén expresou que esta recollida “é máis necesaria que nunca debido á grave crise sanitaria na que nos atopamos, que está a azoutar a moitas familias na nosa localidade e que fixo que o Concello estea a incrementar os recursos destinados ás persoas máis vulnerables”.
Gómez mostrou o agradecemento e recoñecemento por parte do Concello de Baiona a todas as persoas implicadas na campaña, e a todas as que participarán “polo seu papel crucial para paliar o máximo posible as necesidades alimentarias de moitos dos nosos concidadáns e concidadás en circunstancias tan adversas como nas que nos atopamos actualmente pola COVID-19”.
Tamén quixo mostrar o seu agradecemento ás persoas implicadas noutras campañas de recollida de alimentos tradicionais anteriores e que mostraron o seu apoio á campaña pioneira presentada esta mañá. Agradecementos dirixidos á Concellaría de Deportes,a ACEBA e Mercado Praza de Abastos de Baiona, á directora da oficina de CaixaBank de Baiona, Yolanda Pérez, pola súa implicación e colaboración desde a súa chegada ao cargo, aos clubs deportivos e ás escolas deportivas da vila, á Concellaría de Comercio e por suposto, aos supermercados.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal