Esta fin de semana dase continuidade a a programación da “Primavera Lila”, programación deseñada por Igualdade e a dirección do CIM con motivo do 8 M, Día Internacional da Muller.
Deste xeito, o sábado día 18 de marzo o Multiusos Mercado de Sabarís acollerá ás 19:30h o contacontos “A Lavandeira e as Pitas”, de Cris de Caldas.
O domingo, 19 de marzo, ás 11:30h haberá tres obradoiros moi interesantes: o Obradoiro “Ponte en defensa. Como recoñecer o acoso infantil para actuar“, en colaboración coa Asociación motorista P.I.C.A. protección á infancia contra o abuso e o Obradoiro “Marca un gol para a igualdade“, en colaboración co clube Baíña Fútbol Sala e Baíña Sirius Fútbol Sala. Tamén un “Obradoiro de Batucada” en colaboración coa Asociación Aperta.
Entre finais de febreiro, todo o mes de marzo e principios do mes de abril, está a levarse a cabo toda unha serie de actividades que forman parte dunha programación que co 8 de marzo como escenario, a concelleira, lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de mulleres e homes do Concello de Baiona 2019-2023.” Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “ a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinala Moreira Costas.
Por iso, desenvolveranse diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.
Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un so contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.
As actividades están financiadas pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos Línea 2.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal