O presidenta da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este xoves que o Goberno galego acometerá as obras da última fase de humanización de Sabarís, en Baiona, na zona que comprende o derradeiro tramo da avenida Julián Valverde e a rúa Porta do Sol. O titular do Goberno galego así o avanzou tras unha xuntanza celebrada co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a delegada territorial, Ana Ortiz, na Delegación da Xunta en Vigo.
Na actualidade xa están finalizadas dúas das tres fases en que se dividiu a intervención, desde a rúa Ponte Romana á rúa José Pereira Troncoso, pero a última quedou paralizada. O ámbito de actuación é coincidente cunha parte do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, no que se poden atopar construcións catalogadas e elementos etnográficos, destacando o paso pola ponte románica que enlaza Baiona con Nigrán sobre o río Miñor.
A intervención pretende completar un itinerario peonil accesible que permita a libre circulación, cómoda e segura de todos os usuarios. Ademais, tamén inclúe a substitución e mellora de todas as infraestructuras, soterrando todo o cableado existente de telefonía e subministro eléctrico.
Toda a actuación estará axustada ao estudio e plan para a mobilidade do Concello de Baiona, o que permite definir as actuacións necesarias para a mellora do tránsito peonil e a seguridade urbana, dentro dun marco de estratexias de desenvolvemento e recuperación da paisaxe urbana.