
Baiona inicia a transformación deste espazo histórico nunha nova zona verde, peonil e de refuxio climático
O Concello de Baiona comeza hoxe a obra de reurbanización da contorna de Santa Liberata, unha das actuacións máis importantes previstas para a recuperación e mellora do espazo público no corazón do centro histórico da nosa vila.
A actuación busca ademais, xerar un novo espazo de refuxio climático, mellorando o confort térmico dos nosos veciños e visitantes, recuperando o concepto tradicional de alameda asociado historicamente a este lugar.
Os traballos, adxudicados á empresa Proyecon Galicia S.A., permiten transformar de xeito integral un espazo de gran importancia histórica e patrimonial para Baiona, situado entre a capela de Santa Liberata e a Colexiata de Santa María e vinculado ademais o trazado do Camino de Santiago.
A obra contan cun prazo de execución previsto de nove meses, durante os cales se desenvolverá de forma progresiva a transformación deste espazo histórico, onde a actuación busca reducir o exceso de pavimentación e incorporaranse novas zonas verdes, arboredo, espazos de sombra e áreas de descanso, creando un auténtico pulmón verde no corazón do centro histórico.
Durante a execución das obras mantense o tráfico rodado necesario para garantir o acceso ás vivendas e aos residentes da contorna. Do mesmo xeito, mantense o paso peonil, co obxectivo de facilitar en todo momento o acceso dos veciños ás súas vivendas e negocios.
Debido á propia natureza dos traballos, poden producirse modificacións puntuais nos itinerarios e accesos a medida que avance a obra, que serán sinalizadas e comunicadas convenientemente, procurando en todo momento minimizar as molestias e garantir a seguridade.
Concello de Baiona





