O Ministerio de Industria e Turismo e a Fegamp comunicaron ao Concello de Baiona que se aprobou o proyecto municipal ‘Preservar o pasado, protexer o futuro: Baiona, patrimonio sostible’, dentro da convocatoria 2023 dos PSTD para ‘Cidades con Identidade Turística’.
Baiona recibe 2,1 millóns de euros de fondos Next Generation da UE para esta actuación, que se unen aos dous millóns de euros obtidos o ano pasado para humanizar Santa Liberata. O concello terá polo tanto máis de 4 millóns de euros para esa zona da vila.
‘Preservar o pasado, protexer o futuro: Baiona, patrimonio sostible’ é o nome do proxecto “para revitalizar o casco histórico, poñer en valor o seu patrimonio, dixitalizalo e mellorar os seus servizos”, explica o alcalde, Carlos Gómez Prado.
O proxecto obtivo os votos a favor do Ministerio de Industria e a Fegamp, e o voto en contra da Xunta de Galicia.
“Lamento e critico que a Xunta de Galicia vote en contra de que un concello galego reciba fondos europeos, algo que só se entende por cuestións partidistas cando estamos a semanas dunhas eleccións”, apunta Gómez Prado.
“Con este PSTD, impulsaremos o turismo sostible facendo do noso casco histórico un espazo máis amable e seguro, con máis protagonismo para os peóns e mellorando a calidade de vida dos residentes”, asegura.
“Doutra banda, dotaremos ao centro histórico de máis servizos relacionados coa dixitalización e a eficiencia enerxética para achegarlle valor engadido; en definitiva, coas intervencións pretendemos un turismo plenamente sostible con tendencia á desestacionalización e potenciar o conxunto histórico artístico de Baiona, mellorando a peonalización, controlando os accesos a vehículos e fomentando a súa dinamización, tanto social como económica e comercial”, engade Gómez Prado.
O proxecto divídise en catro áreas estratéxicas:
1. Transición verde e sostible: inclúe a reforma e reurbanización de diferentes prazas do casco histórico; a posta en valor da rúa do Conde (trazado do Camiño de Santiago), a restauración da contorna da Santísima Trinidade, e melloras na rede de saneamento e recollida de augas (Conde, Ventura Misa, Xogo da Bola, Lorenzo de la Carrera, Do Reloxo, Diego de Carmona, San Lorenzo, San Xoán, Manuel Valverde e rúa Iglesia).
2. Eficiencia enerxética: tarefas de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética en varios edificios do casco, unha actuación no camiño do Cochiño, e accións para impulsar a peonalización e a camiñabilidade de varias rúas.
3. Transición dixital: despliegue da fibra óptica, introducción de sensórica (control dixital de accesos ao casco), despliegue de redes wifi municipais, e dixitalización de recursos patrimoniais e culturais.
4.- Competitividade: recuperación do comercio tradicional, artesanía e producto de proximidade; soterramento do cableado aéreo; mellora da accesibilidade coa eliminación de barreiras arquitectónicas (Porta da Villa, Barrio da Laxe, Santísima Trinidade); eliminación de grafitis, e campañas de sensibilización sobre turismo sostible para residentes e visitantes.