
É unha iniciativa que promove a implicación da mocidade na conservación do patrimonio cultural, o voluntariado e a participación activa en sociedade
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado pola concelleira de Mocidade, Ruth Álvarez, e o Concelleiro do Mar, Joaquín López, recibiron no Concello aos participantes no Campo de Voluntariado “Memoria do Mar”, unha iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Mocidade da Xunta de Galicia no marco da súa Campaña de Verán.
Os 13 mozos participantes, procedentes de distintos puntos da xeografía galega e española, entre eles Vigo, Santiago de Compostela, Narón, Madrid, entre outros, foron recibidos por membros da Corporación Municipal e seguidamente visitaron a Confraría de pescadores “A Anunciada” de Baiona.
Durante o encontro mostraron a súa ilusión por descubrir Baiona, coñecer de primeira man a súa tradición mariñeira e participar nas actividades culturais e festivas que se desenvolven na vila durante a súa estancia.
O principal obxectivo deste campo de voluntariado é a elaboración dun documental que recolla a memoria e o legado da xente do mar de Baiona. Para iso, as persoas participantes realizarán entrevistas a persoas de referencia vinculadas ao sector marítimo, co propósito de preservar e divulgar este importante patrimonio inmaterial.
Ao longo de toda a actividade, o proxecto incorporará de xeito transversal valores como a igualdade de xénero, o respecto polo medio ambiente e o compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), promovendo un modelo de voluntariado baseado na participación, a sustentabilidade e a conservación da memoria colectiva.
O documental resultante presentarase nun acto público o vindeiro mércores 22 de xullo, ás 20.00 horas, na Capitanía Marítima de Baiona. O evento contará coa participación da directora xeral de Mocidade da Xunta de Galicia, Lara Meneses, alén de representantes institucionais e das persoas participantes no campo.
Concello de Baiona





