
Un tributo á xente do mar de Baiona.
A Capitanía Marítima de Baiona acolleu na tarde do mércores o acto de clausura do Campo de Voluntariado “Memoria do Mar” e a presentación do documental elaborado polos trece mozos e mozas participantes nesta iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, dentro da súa Campaña de Verán.
O acto contou coa presenza do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, acompañado da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; da Deputada Provincial Paula Bouzós, da Concelleira de Xuventude, Ruth Álvarez González; do director do campo de voluntariado e representante da Cooperativa A Casa das Redes, Muqui Maciel Carneiro; representantes da Confraría de Pescadores A Anunciada, veciñanza e numerosas persoas que quixeron acompañar aos participantes nesta presentación.
O documental recolle a memoria viva da tradición mariñeira de Baiona a través dos testemuños de Ángela Cedeira (Lita), Josefa González (Fina), Antonio Sánchez (Toño), Jesús Goce (Suso “O Negro”) e Eumelio Goce (Ito), protagonistas desta produción audiovisual que compartiron as súas vivencias, lembranzas e experiencias ligadas ao mar, contribuíndo á conservación dun patrimonio inmaterial de enorme valor para a vila.
Durante o acto, a concelleira de Xuventude, Ruth Álvarez González, destacou o papel do voluntariado xuvenil como ferramenta para preservar a memoria colectiva, mentres que Muqui Maciel Carneiro realizou un repaso do traballo desenvolvido ao longo das dúas semanas do campo, nas que os participantes investigaron o patrimonio marítimo de Baiona, entrevistaron á xente do mar e produciron o documental titorizados pola empresa Filmes de pedra, e contaron coa colaboración de Guti Vilar.
Tras a proxección da peza audiovisual, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, felicitou aos participantes polo traballo realizado e destacou o valor dos campos de voluntariado como espazos de aprendizaxe, compromiso social e crecemento persoal da mocidade. Así mesmo, reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co impulso deste tipo de programas, que fomentan a participación activa da xuventude na protección e difusión do patrimonio cultural galego.
Pola súa banda, o alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, puxo en valor unha iniciativa que une mocidade e patrimonio, manifestando a satisfacción do Concello por acoller unha iniciativa que une dous elementos fundamentais da identidade baionesa: a mocidade e o mar.
O rexedor subliñou que a memoria dun pobo tamén se constrúe a través das experiencias das persoas e agradeceu tanto ás persoas protagonistas do documental por compartir a súa memoria como aos voluntarios e voluntarias por recoller e preservar as historias da xente do mar de Baiona, deixando como legado un documental que permitirá transmitir este valioso patrimonio ás futuras xeracións.
O acto rematou cunha fotografía de familia, pechando un proxecto que deixa como legado un documento audiovisual destinado a conservar e difundir a memoria mariñeira de Baiona para as futuras xeracións.
Concello de Baiona





