A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, a través do Centro de Información á Muller, en colaboración con CortoEspaña, organiza un ciclo online de curtometraxes contra a violencia de xénero. Trátase de seis traballos, premiados nacional e internacionalmente, que abordan, desde diferentes perspectivas, a violencia de xénero e as súas maneiras de combatela. As curtametraxes están dispoñibles para o seu visionado online desde hoxe 23 ata o 29 de novembro na páxina web do Concello de Baiona. Concretamente poderase acceder aos mesmos picando na actividade do calendario que ten por título “Corto contra a violencia de xénero”: https://www.premiosfugaz.com/ciclo-de-cortometrajes-contra-la-violencia-de-genero-concello-de-baiona/
Os obxectivos do ciclo son dar visibilidade e sensibilizar á cidadanía contra a violencia de xénero e fomentar a reflexión entre a poboación máis nova das diferentes formas de violencia machista. Os cortos integran contidos diversos: o empoderamento, a violencia machista, a igualdade de oportunidades, os estereotipos de xénero. Os títulos dos cortos que poderá visualizar a veciñanza na ligazón da páxina web municipal, baiona.gal, son: “El Orden de las Cosas”,“No aguanto a tus padres “, “Míente”, “Recursos humanos” , “Del azul al rojo “ , “Libre directo”.
Ademais dos enlaces facilitouse material didáctico aos centros educativos para que o profesorado traballe a prevención da violencia.
Esta actividade está enmarcada dentro do IV Plan de Igualdade do Concello de Baiona.
A actividade está subvencionada pola Deputación de Pontevevedra no marco das axudas para concellos de menos de 20000 habitantes para promover a igualdade e previr a violencia de xénero.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal