A programación organizada pola Concellería de Igualdade co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, ” Novembro Lila”, continúa coas súas actividades.
Hoxe o CEP Sabarís acolleu a obra de teatro “Subterránea” a cargo de Mónica Sueiro, directora da aula de teatro de Baiona. “Subterránea” é unha acción escénica que reivindica e visibiliza a figura de moitas artistas da pintura que foron silenciadas ao longo da historia. Aínda que algunhas conseguiron acadar o recoñecemento da época tras sortear moitos obstáculos para destacar nun mundo reservado aos homes, remataron no obstracismo e afastadas dos manuais de historia da arte. Para a maioría da xente son unhas descoñecidas. Levan demasiado tempo habitando en territorio invisible. A muller subterránea fala en primeira persoa dando voz a grandes creadoras como: Sofonisba Anguissola, Lavinia Fontana, Artemisia Gentileschi, Berthe Morisot, Hilma Af Klint, Maruja Mallo, Julia Minguillón, entre outras.
Por outra banda, o alumnado do Ciclo de Animación Sociocultural do I.E.S. Primeiro de Marzo puido desfrutar do recital poético “O bo rollo vai rematar” de Dúas gamberras e un micro no Auditorio V Centenario.
Ambas actividades están subvencionada pola Deputación de Pontevedra no marco das subvencións para a promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero para concellos de menos de 20.000 habitantes .
O “ Novembro Lila” é un programa deseñado para dar visibilidade á secuela da violencia machista coincidindo con motivo do 25 N, día internacional contra a violencia de xénero. Trátase dunha programación que abarcará todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres.
Esta programación vai un paso máis aló da estética dunha pancarta que berra “Non á violencia”, quérese entrar na cabeza do público para facelo reflexionar sobre a problemática da violencia machista e a desigualdade entre homes e mulleres, adaptándose ás diferentes idades do público xa que haberá actividades variadas para toda a cidadanía.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal