O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona informa da posta en marcha do Programa de asistencia básica para as familias máis vulnerables (Programa BÁSICO) do Ministerio de Dereitos Sociais, executado pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Inclusión Social.
O Programa consiste na posta a disposición das persoas destinatarias de tarxetas canxeables por produtos de alimentación (excluíndose todo tipo de bebidas e refrescos que conteñan gas, azucre, bebidas alcohólicas, produtos dietéticos, bolería e chucherías e produtos elaborados, agás legume precociñada e conservas), así como artigos de hixiene como xabón, champú, pasta de dentes, produtos de hixiene feminina menstrual e cueiros infantís.
PERSOAS DESTINATARIAS DO PROGRAMA:
O Programa Básico está dirixido a familias con menores a cargo que se atopen por debaixo do limiar de pobreza severa. As persoas que o queiran solicitar dende este Concello deben reunir os seguintes requisitos:
a) Formar parte dunha unidade familiar ou de convivencia con, polo menos, unha persoa menor de idade ó seu cargo.
A persoa solicitante deberá ter cumpridos os 18 anos ou máis. Considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que convivan no mesmo domicilio e manteñan con respecto á persoa solicitante un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable, por adopción ou acollemento, ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao, respectivamente.
Unicamente se poderá conceder unha tarxeta por unidade de convivencia.
b) Estar empadroado no Concello de Baiona.
c) Vivir en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo sexan inferiores ó 40 % da renda mediana nacional. Computaranse a totalidade de ingresos que perciben as persoas integrantes da unidade de convivencia.
A contía mensual vinculada á tarxeta de alimentos deste Programa dependerá do número de membros que haxa na unidade familiar de acordo coa seguinte táboa:
Nº de membros da unidade familiar ou de convivencia (sendo menor de idade polo menos un deles)
Contía mensual:
- 2 persoas 130 €
- 3 persoas 160 €
- 4 persoas 190 €
- 5 ou máis persoas 220 €
Para máis información e tramitación de acceso ó programa, deberá solicitar cita coa súa traballadora social de referencia directamente nos servizos sociais ou no teléfono 986385926.