O alcalde entre os veciños máis “madrugadores” para ir doar a súa voz
Ao longo de toda a xornada do martes 17 de decembro o Concello de Baiona acolleu na aula informática do Centro Multiusos Ángel Bedriñana, unha xornada de “captación de voz” en lingua galega, promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, no marco do “Proxecto Nós”, que contou coa colaboración do Concello de Baiona para o seu desenvolvemento.
Ao longo da xornada participaron máis dun cento de veciños e veciñas doando a súa voz. Así mesmo participaron diferentes colectivos culturais e sociais do municipio, como a ANPA Cova Terreña, a ANPA Fontes ou a Club Baíña Fútbol Sala. así como múltiples persoas a título individual.
Un dos primeiros en participar foi o Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña que, nada máis abrir as portas a xornada ás 10:00h xa participou doando a súa voz. Ademais ao longo do día participaron sete concelleiros e concelleiras do grupo de goberno encabezados pola concelleira de Deportes, Política Social e Asociacionismo, Ana María Iglesias Rodríguez e David González Misa, concelleiro de tecnoloxías, comunicación e enerxía. Asemade, resultaría moi importante a participación de traballadores e traballadoras municipais.
O PROXECTO NÓS
O Proxecto Nós (www.nos.gal) é un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral de Lingua e AMTEGA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ten como obxectivo fundamental que a lingua galega non fique excluída de ningún dos novos desenvolvementos dixitais. Para isto, estase a realizar un importante traballo que permitirá desenvolver diferentes tipos de ferramentas, totalmente compatibles coa lingua galega, como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática de tipo neuronal, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos, entre outros.
Grazas a ese traballo lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” a nosa lingua e que, polo tanto, todo galego ou galega, poida empregar con total normalidade a súa lingua en calquera ámbito tecnolóxico: cando lle damos unha orde ao GPS do noso coche, cando falamos cun asistente de voz -como SIRI ou ALEXA-, cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, cando queremos traducir un documento, cando lle ditemos a un procesador de texto, cando pedimos unha cita no médico ou queremos facer unha xestión no banco, por pór só algúns exemplos.
Segundo o Secretario Xeral de Lingua, Valentín García: “O Proxecto Nós é o proxecto máis ambicioso que se ten realizado ata o de agora de cara a que o galego poida ser empregado con total normalidade nos ámbitos dixitais. Trátase dun proxecto de país, cunha gran colaboración interinstitucional, transversal e no que estamos a conseguir que se implique o conxunto da sociedade galega: todo tipo de institucións, entidades sociais, empresas privadas así como galegos e galegas de todas as idades e de todos os puntos de Galicia que, altruistamente, doan a súa voz a través de www.doagalego.nos.gal para mellorar a calidade das ferramentas que este proxecto está a sacar adiante” e engadiu “Esta campaña está a ser un éxito. Agora mesmo, xa superamos as 6.300 persoas que xa doaron a súa voz e seguimos a percorrer toda a xeografía galego recollendo a maior variedade de acentos e variedade dialectais do noso idioma posibles.”
A CAMPAÑA DE CAPTACIÓN DE VOZ
Para conseguir este obxectivo é preciso facerse previamente cunha grande cantidade de texto e audio de calidade en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. No caso do audio precísase ademais unha grande variedade de voces para o correcto adestramento dos algoritmos e tamén a gravación de todas as variedades dialectais que ten o galego para que os dispositivos electrónicos as recoñezan perfectamente, polo que fai falta recoller as voces de milleiros de galegos e galegas e de todas as zonas nas que se empregan variantes dialectais.
Para conseguir esas gravacións en lingua galega o Proxecto Nós está a empregar dúas vías fundamentalmente: unha a través de captación de voces online (https://doagalego.nos.gal) e outra trasladándose fisicamente a diferentes concellos galegos para recoller a voz da veciñanza que desexe colaborar co proxecto a través dunha campaña impulsada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e que, nesta fase, percorrerá 16 Concellos (Xinzo de Lima, Ribeira, Fisterra, Chantada, Tomiño, Ribadeo, O Carballiño, Muros, Ponteareas, Carballo, Tui, Santa Comba, Vilagarcía, A Estrada e Baiona).
A CAPTACIÓN DE VOCES NO CONCELLO DE BAIONA
O Concello de Baiona foi un destes 16 Concellos seleccionados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Secretaría Xeral da Lingua para a realización desta recollida in situ de voces entre a súa veciñanza e co que se pecha esta campaña durante o ano 2024.
Nese sentido, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, despois de doar a súa voz declarou “é un orgullo que se pensara en Baiona para desenvolver unha xornada deste tipo e pechar unha campaña tan importante e exitosa. Estou moi satisfeito da resposta que está a dar a nosa veciñanza, con ducias de veciños e veciñas que participaron a título individual, mais tamén con entidades culturais e sociais do municipio que se apuntaron e colaboraron de xeito altruista con esta iniciativa. Isto demostra, máis unha vez que, a de Baiona é unha veciñanza solidaria e comprometida coa lingua galega”.
Así mesmo, a concelleira de Deportes, Política Social e Asociacionismo, Ana María Iglesias Rodríguez declarou ao concluir que: “a resposta da xente superou todas as nosas expectativas. Perto dun cento de veciños e veciñas responderon a esta convocatoria. Isto é unha mostra da importancia que a veciñanza de Baiona lle dá a súa lingua e en avanzar para que non fique excluida de ningún ámbito, incluido o ámbito tecnolóxico”. Pola súa banda o David González Misa, concelleiro de tecnoloxías, comunicación e enerxía acrecentou que “foi un esforzo organizativo e de convocatoria importante para o Concello de Baiona, mais pagou a pena. Grazas a esta xornada contribuimos desde a Baiona a a un gran proxecto de país que nos debera unir a todas e a todos e tamén a que se teña en conta o acento e forma de falar do noso Concello e de toda a comarca do Val Miñor.”
COMO SE DOA A VOZ?
O procedemento é moi simple. Calquera persoa, non importa a idade (as persoas menores de idade que queiran participar deberán ir acompañadas do seus pais/nais ou titor/a) terá que ler unhas breves frases en galego (en bloques de 5) que sairán no monitor do ordenador: https://commonvoice.mozilla.org/gl/speak.
Podes atopar toda a información relativa a esta campaña en www.doagalego.nos.gal
Esas voces gravadas nunca serán usadas externamente fóra do ámbito do Proxecto Nós para o adestramento dos seus algoritmos.
Concello de Baiona