Este xoves 23 de xuño péchase o prazo para inscribirse no campamento urbano organizado pola Concellería de Cultura que se celebrará no mes de agosto. A actividade é gratuíta e está destinada a menores de 5 a 12 anos.
A concellería organiza esta actividade para ofrecer a posibilidade de que os nenos e nenas empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de forma organizada e planificada, a través de actividades de calidade, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia entre as persoas máis pequenas.
Para a celebración das actividades establécense dúas quendas no mes de agosto: do 1 ao 12 de agosto e do 16 ao 31 de agosto. Os horarios serán de luns a venres de 10.30 a 13.30 horas e haberá 30 prazas por quenda.
Durante o campamento desenvolverase un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado. Haberá distintas clases de xogos: de presentación, de cooperación, de integración…visitas a distintos monumentos, museos, prazas e praias da vila. Entre as actividades están programadas as visitas á Carabela Pinta, á Casa da Navegación, á Virxe da Roca, ao Parador de Turismo Conde de Gondomar, á Estatua de Martín Alonso Pinzón, ao monumento “Atopo entre dous mundos”, ao porto… Tamén se realizará un tramo do Camiño Portugués pola Costa, unha recollida de residuos na praia e unha festa temática cada fin de quenda, etc. A recepción dos participantes sempre terá lugar na Praza do Concello.
Os participantes deben ter entre 5 e 12 anos e unicamente optará a unha quenda, excepto no caso de que queden prazas. A solicitude pode ser individual ou múltiple (no caso de irmáns ou irmás).
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Baiona ou na Sede electrónica ( baiona. sedelectronica. gal), xunto coa copia do DNI ou libro de familia e a copia da tarxeta sanitaria do menor, do 3 ao 23 de xuño de 2022. Para a presentación presencial de solicitudes no Rexistro Xeral do concello é necesario solicitar cita previa chamando ao teléfono 986356779.
No caso de solicitudes presentadas pola Sede electrónica, estas poderán presentarse en calquera hora ou día durante a vixencia do prazo de solicitudes.
Os formularios de solicitude poden descargarse da sección taboleiro de anuncios da páxina web municipal (www.baiona.gal) e na propia web na sección de “ novas” ou ser solicitados en formato papel na oficina de Rexistro con cita previa, ou no correo xuventude@baiona.gal
A adxudicación de prazas será directa en no caso de que o número de solicitudes presentadas non supere ao número de prazas ofertadas. No caso de que o número de solicitudes presentadas supere ao número de prazas ofertadas, realizará mediante un sorteo público, que terá lugar o 30 de xuño de 2022 e con anterioridade ao sorteo, publicarase a lista de admitidos ou excluídos na web do concello (www.baiona.gal)
Os nenos e nenas que non dispoñan de praza, pasarán a formar parte da lista de espera, coa finalidade de cubrir as baixas que se poidan producir.
Máis información na Concellería de Cultura, ou no teléfono 986385921, ou en xuventude@baiona.org
Documentación:
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal