O Concello de Baiona procedeu ao asfaltado da rúa Ponte en Baredo. A actuación levouse a cabo por iniciativa da Concellería de Vías e Obras, con recursos propios do consistorio.
Os traballos consistiron na aplicación dunha capa de aglomerado asfáltico e na elevación das diferentes tapas de rexistro existentes na vía.
O concelleiro responsable, Óscar Martínez, declara que se trataba dunha actuación de mantemento necesaria, debido ás numerosas fochancas existentes: “Preocupábanos o estado do camiño, un dos máis transitados da parroquia, xa que da acceso aos barrios de Ponte, O Sinal, Cela Vella e Cabreiro, onde se concentran numerosas vivendas”.
O Alcalde, Carlos Gómez Prado, comenta que “Trátase dunha actuación de renovación en beneficio do tráfico rodado. Así, os veciños e veciñas destas zonas de Baredo poderán gozar da mellora prevista co asfaltado desta viaria” e engade que “seguimos coa intención de seguir poñendo en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da cidadanía”.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal