A Concellaría de Igualdade do Concello de Baiona, no seu compromiso por levar a cabo actuacións de promoción da igualdade entre mulleres e homes e contra as violencias machistas, deseñou unha axenda igualitaria que ten como protagonistas a 12 mulleres destacadas de Baiona. Desde a concellaría quíxose recoñecer con esta axenda o papel que ten a muller no municipio, a través de doce baionesas que foron pioneiras en diferentes campos. Así, cada un dos meses está dedicado a unha muller da vila, algunhas suficientemente recoñecidas e outras do todo descoñecidas até o momento: Xaneiro a Irene Silva, Febreiro a Lula Goce, Marzo a Iria González, Abril a Iria Misa, Maio a Mónica Sueiro, Xuño a Mila López, Xullo a Ana María Gameiro, Agosto a Cristina Míguez, Setembro a Susana González, Outubro a Ramona Marcote, Novembro a Carmen Piñeiro e Decembro a Fefa. Detrás de cada unha destas mulleres hai unha historia de loita pola igualdade que merece que os seus conveciños e conveciñas coñezan.
A presentación da primeira axenda igualitaria municipal do Concello protagonizou o acto de 25N, día internacional contra a violencia de xénero, celebrado na praza do Concello de Baiona. A praza estaba decorada con 96 siluetas que personifican as mozas e mozos que participaron nos talleres creativos que a artista Irene Silva, pintora, gravadora e ilustradora, veciña de Belesar, impartiu a todo o alumnado que cursa 6º de educación primaria nos distintos centros dá localidade, un proxecto enmarcado no IV Plan de igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Baiona.
”Pero o séquito de siluetas tamén representan a forza da solidariedade que as fai poderosas para avanzar na loita contra a violencia machista”, destacou Irene Silva durante a súa intervención.
O alumnado dos centros municipais estiveron representados por un alumno e unha alumna do CEIP Fontes-Baíña encargados de ler un manifesto en contra da violencia machista.
“Acadar a igualdade real é un camiño case infinito, no cal cada paso conta e ha de ser firme. Tódalas accións que se están a desenvolver pola área de igualdade teñen como obxectivo educar, sensibilizar e implicar á veciñanza de Baiona. É imprescindible que todas, todos e todes formemos parte deste cambio. Con esta axenda igualitaria queremos facer homenaxe ás mulleres de Baiona e tamén as galegas, dándolle ou espazo que historicamente se nos negou. Ides ver caras coñecidas e outras que vos sorprenderán, pero elas son a punta do iceberg, son representantes de todas nós e referentes para unha sociedade máis xusta. Mulleres comprometidas, loitadoras, pioneiras nos seus campos que demostran que non debería haber límites marcados polo xénero. Esta axenda é un anaco dá nosa historia, unha historia que sempre estivo aí sostendo o noso mundo pero que nunca ninguén contou. Ás nosas mulleres, a metade que nos faltou “, destacou Yasmina Moreira Costas, Concelleira de Igualdade, durante a presentación.
A axenda igualitaria 2021, é o resultado do proxecto “Igualdade todo o ano”, unha iniciativa didáctica e pedagóxica , na que asumen o protagonismo o alumnado que cursa a ESO tanto no CPI COVA TERREÑA coma no IES PRIMEIRO DE MARZO e mulleres da nosa vila. O proxecto, promovido polo Concello de Baiona a través dá Concellería de Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías e o Centro Municipal de Información á Muller, é subvencionado pola Deputación de Pontevedra, no marco dá liña dous do Plan Concellos 2020.
As doce mulleres comparten protagonismo na axenda igualitaria cos debuxos da comunidade educativa da ESO do CPI Cova Terreña e do IES Primeiro de Marzo que participaron no concurso de debuxo e slogan contra a violencia de xénero que organizou a concellaría co obxectivo de sensibilizar á comunidade educativa na igualdade de oportunidades e a prevención dá violencia de xénero. No acto de hoxe déronse a coñecer os gañadores do curso. O primeiro premio foi para María Durán Rodríguez, 1º ESO, o segundo para Carmen María Poza Giráldez, 4º ESO, e o terceiro para África Riballo Rodríguez de 3º, todas elas alumnas do CPI Cova Terreña. Tras o acto a concelleira acercouse hasta o CPI Cova Terreña para entregar a cada unha a seu correspondente premio, á primeira unha tablet, á segunda un reloxo intelixente e a terceira uns auriculares bluetooth. Deste concurso tamén se seleccionaron outros 11 debuxos para decorar a axenda igualitaria 2021. Nela represéntanse unha selección dos mellores debuxos presentados polo alumnado.
Na súa intervención o Alcalde, encargado de pechar o acto, comentou que : “Temos claro que o que non se nomea, non existe, e temos unha débeda de xustiza inmensa con xeracións de mulleres anónimas que seguen sen aparecer nos libros de texto e no imaxinario social. Estas 12 mulleres baionesas que figuran nesta axenda igualitaria axudan a visibilizar o papel da muller na nosa vila. Elas figuran na axenda en representación de todas as que viron os seus nomes invisibilizados na historia da localidade, e en recordo ás que sufriron e continúan sufrindo a consecuencia máis dolorosa e extrema da desigualdade como é a violencia machista. Trátase de mulleres pioneiras que co seu traballo contribúen ou contribuíron de maneira decisiva ao desenvolvemento social, económico e cultural de Baiona. Pero tamén quero recoñecer no día de hoxe a todas esas mulleres anónimas que desde as súas casas día a día foron e son as auténticas protagonista de sacar a familia adiante. Grazas ao seu traballo e ao seu esforzo ocupáronse de sacar adiante á familia, educadoras, coidadoras, xestoras do fogar que con traballo e sacrificio impulsaron os seus fogares. O meu recoñecemento a todas e cada unha delas. Este Concello aposta firmemente por avanzar nos valores da igualdade de xénero desde a administración, como exemplo a seguir polo resto da cidadanía na construción dunha sociedade de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Entre todos construímos unha Baiona mais igualitaria. Queremos unha Baiona libre de violencia machista”.
A concellería de Igualdade foi a encargada de editar estas axendas. A selección das homenaxeadas foi levada a cabo polo persoal do Centro de Información á Muller . “Somos conscientes de que no noso municipio son moitísimas as mulleres que deberían ter un oco nesta publicación, pero tivemos que facer unha selección”, aclara o edil de Igualdade. A axenda, que leva como título “ Ningunha menos” será entregada a profesionais do municipio de distintos ámbitos como o sanitario o docente…
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal