Estes días realizouse a terceira e última fase das obras de impermeabilización dos teitos das estruturas de nichos situados no Cemiterio Municipal de Baiona.
As obras consistiron na reparación das cubertas dos nichos mediante o picado de acabados soltos e limpeza das cubertas, a creación de pendentes con morteiro alixeirado con arlita e a colocación de tea asfáltica.
O proxecto realizouse en tres fases e supuxo un investimento total de 17.410,80 euros. Os traballos realizáronse en 2019, cando se investiron 2.474,30 euros; en 2021, 6.214, e os recentemente finalizados neste mes de maio de 2023.
Con estes traballos ponse fin ás deterioracións na estrutura debido a que, no seu momento, construíronse co tellado plano e sen ningún tratamento de impermeabilización das cubertas, polo que a choiva penetra no formigón e afecta o interior das construcións que aloxan os nichos afectados.
Con esta intervención preténdese previr este risco e evitar que se poidan producir entradas de auga de choiva aos nichos, á vez que se recuperan as partes deterioradas polo efecto da auga e que provocan unha imaxe negativa do mantemento do conxunto arquitectónico afectado e do propio Cemiterio de Baiona, en xeral.
Obras de ampliación da beirarrúa
Nos últimos días, tamén se procedeu á ampliación das beirarrúas do cemiterio municipal para facilitar o acceso tanto peonil dos veciños e veciñas que acoden ao recinto como para facilitar o paso do carro mortuorio.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal