A Vila de Baiona contará por primeira vez cun completo programa de actividades ao redor da visualización das realidades LGBTIQA+ e que se sucederán ao longo do mes de outubro.
En concreto, o programa é o froito do traballo conxunto da Concellería de Igualdade de Baiona, de activistas da Marcha Mundial das Mulleres e da Casa Colorida, e conta tamén coa colaboración da Asociación de Amas de Casa de Baiona e a Asociación de Viúvas de Baiona.
O Outubro Diverso é un espazo de aprendizaxe, de coñecemento e de tecer rede. Este espazo nace baixo a necesidade de achegar as nosas vilas as realidades LGBTIQA+, e de visualizar e conversar sobre os eixos de traballo e activismos dos diferentes colectivos e persoas que fan parte desta programación. Todos e todas xuntas pretendemos construír un espazo que sexa o primeiro de moitos no Val Miñor, onde sigamos aterrando nas vilas as vivencias e procesos LGBTIQA+ para seguir aprendendo e compartindo, para acompañar as realidades diversas de moitas veciñas e veciños da vila e, sobre todo, para seguir xerando dende o comunitario un novo mundo onde entren todos os mundos.
O Outubro Diverso comeza o vindeiro venres 9 de outubro ás 19:30h coa presentación do evento e, a continuación, a conversa sobre “Activismos LGBTIQA+ da contorna”, coa Asociación NosMesmas e con AVANTE LGBT, onde se dará a coñecer todo o traballo que desenvolven estes colectivos na cidade de Vigo e contorna.
Continuarase conversando o sábado 10 de outubro ás 12h con CHRYSALLIS, Asociación estatal de familias de menores trans sobre “A nena que ensinou a súa familia que o mundo non é branco e negro”, onde haberá simultaneamente un espazo para crianzas en forma de conta contos infantil de 4 a 7 anos
“Piratrans carabarco”, da editorial La Calle, e un obradoiro infantil de debuxo en torno a temática do conto, facilitado pola asociación Nos Mesmas.
A programación continuará coa súa folla de ruta o Domingo 18 de outubro con a conversar con Mónica Sueiro, directora da aula de teatro de Baiona, e co colectivo 85C de Vigo sobre o imaxinario de a “Diversidade nas artes escénicas”.
O sábado 24 de outubro contarase con activistas de Ourense que presetarán o marabilloso traballo en forma de exposición fotográfica “Corpos, feminismo e territorios”, unha exposición creada a través dun proceso participativo das mulleres da comisión de sexo afectividade do Centro Social A Galleira.
Rematarase esta programación o sábado 31 de outubro con unha conversa con Petra Porter e Comité Marikas x la fiesta sobre “Orgullo, non solo hai un”, abrindo o imaxinario ás formas de facer o Orgullo LGBTIQA+. E culminamos o Outubro Diverso ás 22:00h co Espectáculo “Las VARIETÉS de Petra Porter”, de Combinación Imperfecta. Un espectáculo que transformará ao público en protagonistas. Todas e todos serán actrices e actores do show, e para isto recompiláronse diferentes xogos, probas, enigmas e puzzles de diversa índole para converter a praza do concello de Baiona nun concurso cheo de música, teatro e moita diversión.
A Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, incide no “compromiso municipal da Concellería de Igualdade de seguir traballando de forma transversal nunha igualdade real, plural e diversa, camiñando na visualización da diversidade para avanzar cara ao respecto, a aceptación e a liberdade de toda condición sexual sen prexuízos e a expresión de sentimentos sen medos sociais. O “ Outono Diverso” é unha aposta por resaltar a visibilidade da comunidade LGTBI e a loita polos seus dereitos permanentemente”.