A Concellaría de Igualdade do Concello de Baiona puxo en marcha o concurso de debuxo e eslogan contra a violencia de xénero.
O concurso ten como obxectivo promover, dentro do ámbito educativo a reflexión ao redor da promoción da igualdade entre mulleres e homes así como a loita contra a violencia de xénero, e sensibilizar sobre a importancia de valores como a igualdade entre mulleres e homes e o respecto.
Poderá participar calquera alumno ou alumna que curse educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica ( ESO e FP básica ) nun centro educativo de Baiona.
O contido das obras deberá enviar unha mensaxe que incida na reflexión ao redor da promoción da igualdade entre mulleres e homes e/ou a loita contra a violencia de xénero.
As obras presentadas elaboraranse de maneira individual polas persoas participantes. O debuxo e eslogan deberá ser orixinal e inédito, non premiado noutros concursos ou certames. As obras realizaranse en formato vertical en cartolina DIN A4 de cor branca. A técnica será libre, quedando prohibidos os debuxos e eslogans en computador ou con novas tecnoloxías. O debuxo deberá incluír obrigatoriamente un eslogan en lingua galega.
Outorgaranse tres premios as persoas gañadoras. O primeiro premio será unha tablet, o segundo un reloxo intelixente (Smartwatch), e o terceiro uns auriculares inhalámbricos.
O “Concurso de debuxo e eslogan contra a violencia de xénero” forma parte do proxecto ”365 días en Igualdade ”, promovido polo Concello de Baiona a través da Concellaría de Igualdade, Mocidade e Novas Tecnoloxías e o Centro Municipal de Información á Muller, subvencionado pola Deputación de Pontevedra, no marco das Bases Reguladoras da Convocatoria de Subvencións dirixidas aos concellos de menos de 20,000 habitantes da Provincia de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2021.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal