O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente,e a empresa adxudicataria de recollida selectiva de residuos e xestión do punto limpo, co fin de ter unha localidade máis limpa e saudable, puxo en marcha un novo servizo gratuíto de recollida de aveños voluminosos e de restos vexetais de xardinería doméstica.
A partir de agora concertarase unha cita por medio do teléfono gratuíto 900 101 925, para que o servizo recolla eses aveños domésticos que se queiran reciclar. O teléfono será atendido de 10:00 a 13:00 e fóra desas horas poderase deixar unha mensaxe no contestador, que se contestará o máis axiña posible. A través deste servizo os cidadáns poden solicitar a retirada, entre outros, de mobles, trastes, electrodomésticos de gran tamaño, así como distintos aveños voluminosos. Para iso, os veciños e veciñas deben chamar ao teléfono gratuíto do servizo, no que se toman os datos do punto de recollida e explícaselles en que franxa horaria deben depositar os residuos para a súa posterior retirada polo persoal do servizo.
Con este servizo preténdese facilitar aos cidadáns unha adecuada xestión de certos residuos que, polo seu tamaño e características, non poden depositarse co resto de residuos domésticos e tampouco poden entregarse no punto limpo municipal situado en Baíña.
A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Domínguez Roda, destacou que “a colaboración cidadá é fundamental para o bo funcionamento deste servizo, xa que é imprescindible coñecer en que puntos van deixar os restos de voluminosos para incluílos no roteiro de recollida”.
Por iso o rexedor solicita “a colaboración veciñal para evitar o abandono de residuos na contorna dos contedores. Pídese evitar estas situacións, xa que este tipo de depósitos na vía pública só conseguen aumentar a contaminación no municipio e empeorar o aspecto das nosas rúas”, comenta o Alcalde, Carlos Gómez Prado.
Tras comprobar, tanto no centro da vila como nas zonas rurais, o incremento de puntos na localidade onde se depositan residuos voluminosos, como mobles ou electrodomésticos, “faise un chamamento á cidadanía para que o aspecto do municipio mellore, apelando ao civismo”.
Para a atención ao cidadán do novo servizo gratuíto posto en marcha cóntase co teléfono gratuíto 900 101 925 e coa páxina web municipal www.baiona.gal, na que os usuarios poidan ampliar a información sobre os diferentes servizos.
Campaña para dar a coñecer o novo servizo
O Concello de Baiona puxo en marcha unha campaña para dar a coñecer o novo servizo e distribuíronse folletos informativos polas caixas de correos da localidade. Tamén se colocou carteis informativos en distintos puntos do municipio para lembrar a prohibición de depositar calquera tipo de enser fóra dos contedores sen avisar previamente ao novo servio.
Folleto Informativo Servizo de recollida selectiva de residuos
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal