A Concellaría de Cultura do Concello de Baiona organiza “BrevEscénica” o vindeiro vernes 8 de abril. Trátase da Terceira Mostra de Artes Escénicas Profesional de Formatos Breves, que se desenvolve en diferentes espazos do casco vello Baiona, onde se representan pezas curtas nun marco alleo ao espazo escénico habitual.
Esta tereceira edición de Breveescénica ponse en marcha co gallo de celebrar o Día Mundial do Tratro. A idea é mobilizar á Vila por medio do teatro. O cartel ofrece todo tipo de espectáculos para todas as idades tendo como pano de fondo o humor. Trátase dun proxecto cargado de atractivos, que non deixará indiferentes aos espectadores e espectadores que se acheguen até a localidade a gozar do teatro e que se creou para coa idea de mobilizar á Vila por medio desta arte.
Artistas e Actuacións:
PREÁMBULO (para un sen motivo)
Olga Cameselle- Ás 19:00h- Xardíns Casa da Navegación en caso de choiva farase no Hall do Concello de baiona
Danza Contemporánea
Destinado a público adulto
Duración: 15 minutos
Avanzar nun lugar, nun espazo no que se expresen ou agromen imaxes, sons, palabras,acenos, movementos… un pensar danzante.
Descoñezo se existe algún motor concreto que xenere un pensamento non consciente.
Descoñezo cómo é ese pensamento.
Descoñezo cómo ese pensamento pódese cristalizar nunha acción, nun movemento, nun momento danzado.
Só teño a certeza de que é un feito único, de incerta configuración, efémero como a propia acción de avanzar.
ANOTACIÓNS PARA UN PERGAMIÑO PORTATIL
SILVIA PENAS- Ás 20.00 no hall do Concello
Poesía escénica
Destinado a público adulto
Duración: 20 minutos
Anotacións para un pergamiño portátil é un recital poético que parte de diversas cantigas medievais de Johan Zorro, Joahn García de Guilhade e Martín Códax. A voz poética enfúndase nun traxe de efectos sonoros e outros elementos que poderían encadrarse no terreo da música electrónica e que conviven con ferramentas propias das artes escénicas ademais da compoñente literaria. Trátase de que o discurso, o espazo escénico e o espazo sonoro sexan un mesmo artefacto. Homenaxe a trobadores e xograres e á poesía con vocación de ser cantada, mais traída a un código poético actual en boca dunha muller.
KARAOKE
SERGIO LLAUGER- Ás 21.00 no hall de Biblioteca
Teatro
Destinado a público adulto
Duración: 20 minutos
Karaoke é un espectáculo unipersoal que reflexiona sobre a soidade, a depresión e o
alcolismo. Un actor enfróntase nun karaoke ao seu maior medo: ser patético. Durante a súa estancia no karaoke pasarán diversos personaxes que nos mostrarán as sombras da vida nocturna.
Entre o monólogo cómico, o drama social e o espectáculo musical, Karaoke propón ás espectadoras reflexionar sobre si mesmas. Atoparanse con preguntas que, igual que lle acontece ao seu protagonista, serán moi difíciles de contestar.
A IDEA PRIMARIA É ESNAQUIZALO A CABEZADAS (fragmento)
MARÍA LLANDERAS- Ás 22 no hall do concello
Performance
Destinado a público adulto
Duración: 15 minutos
A idea primaria é esnaquizalo a cabezadas (fragmento) é unha performance que nace como unha deriva, un desvío no camiño. O xerme é o proxecto escénico sobre a poeta Xela Arias que estou desenvolvendo.
Durante o proceso de investigación entrevistei varias veces a miña nai, quen compartiu cidade e xeración con Xela. Nestas conversas, apareceu repetidamente o clima de inestabilidade, tensión e perda que viviu a súa xeración. Esta performance pon o foco nestes aspectos da realidade dos oitenta e tende unha ponte entre a micro-historia, a poesía e as artes vivas.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal