O Concello de Baiona puxo en marcha unha nova actividade de intervención con animais para menores de entre 9 e 17 anos veciños do municipio. Baixo o nome de Vincúlate, o proxecto busca promover a melloría das distintas funcións e concretamente das sociais, emocionais e cognitivas así como proporcionar pautas saudables de comunicación.
Así, o proxecto propón que cada rapaz apadriñe un can, o adestre e o acompañe no proceso de ser acollido ou adoptado por unha familia e durante este proceso, de forma paralela e mediante o desenvolvemento dun programa de actividades, os menores traballarán a súa intelixencia e comunicación emocional.
A iniciativa deu comezo este mes de abril e desenvólvese con sesións todos os martes e xoves, en horario de tarde, no campo de fútbol da Ladeira. Son un total de 20 menores, divididos, por idades, en dous grupos de dez, que “tras unha valoración feita pola responsable do Servizo de educación e apoio familiar do Concello, en colaboración cos departamentos de orientación dos distintos centros educativos de Baiona.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, resalta que “dende o Departamento de Servizos Sociais, xurde a idea da creación dun proxecto novidoso que trata de dar resposta á crecente demanda detectada dende hai tempo, tanto no servizo como nos departamentos de orientación dos centros educativos, no traballo da intelixencia emocional”.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal