O Concello de Baiona aprobou hoxe en pleno uns orzamentos municipais para o ano 2023 de 10.569.537,56 euros, os últimos do actual mandato municipal e un 15% superiores aos do ano 2019 (8.990.000 euros).
Por áreas de gasto, o 43,59% destinarase a mellorar os servizos públicos que son competencia municipal (4.596.739,84 euros) e case o 14% de forma directa a políticas sociais (1.386.906,78 euros), todo elo sen aumentar a presión fiscal aos veciños.
“Pechamos o ano 2022 con máis de 6.000 atencións rexistradas nos Servizos Sociais, polo que a nosa prioridade era aprobar con estes orzamentos o maior paraugas social da historia de Baiona, da man do tecido asociativo e do terceiro sector da nosa vila”, asegura o alcalde, Carlos Gómez Prado.
No gasto social directo, destaca a aportación do concello ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xa que en Baiona pasouse de 1.097,19 horas de atención de media cada mes no ano 2016 a 2.983,60 horas ao mes do ano 2022. A partida para o SAF nos orzamentos aumenta en 300.000 euros.
Potenciaranse tamén proxectos como ‘Vincúlate’ e o concello reforza os convenios de colaboración co terceiro sector de Baiona para diferentes iniciativas (Afaga, Avelaíña, centro Juan María ou Asociación Española contra o Cancro).
Polo que respecta aos servizos públicos, o concello mellorará neste ano 2023 con medios humanos e técnicos a limpeza e recollida de residuos, o saneamento e abastecemento, a seguridade, a mobilidade e a rede de alumeado, entre outros.
Investimentos
O orzamento recolle unha primeira partida de 225.338,47 euros para obras como a renovación integral do parque infantil dos Tendais.
Nas próximas semanas, o concello anunciará outra partida de máis de 600.000 euros en novas obras e actuacións previstas en todas as parroquias, dentro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 2023.
“Grazas ás xestións realizadas desde o goberno local, este ano chegarán ademais á vila máis de 10 millóns de euros da UE para a humanización de Santa Liberata, as zonas visitables do Parador e varios proxectos de dinamización turística”, engade Gómez Prado.
O orzamento destina 920.574,47 euros a cultura, eventos e lecer; 382.572,37 a deportes, e 494.165,61 euros a ensino, aínda que o concello non ten competencias directas.
As contas aprobadas hoxe recollen outras partidas prioritarias como a destinada ao Centro de Información á Muller (CIM) e as dirixidas a dinamizar o sector servizos (comercio e hostalaría).