Os días 17,18 e 19 de Maio, Sabarís ten unha nova cita coa arte, celebrándose unha nova edición do Mercado de Arte, sendo a número XVI. Durante os tres días que dura o evento, participarán 40 artistas procedentes do Val Miñor, con máis de 500 obras de pintura, escultura e fotografía, algunhas delas realizadas en vivo.
O obxectivo do evento é dar a coñecer e promocionar a artistas locais e novos valores emerxentes para os que aínda é difícil mostrar a súa obra en galerías comerciais. Tamén expoñerán as súas obras autores xa amplamente recoñecidos no panorama galego, que coa súa presenza apoian a estes novos artistas.
Cada día programaranse actividades paralelas; realizaranse conferencias, estará presente a comunidade global de debuxantes Urban Sketchers, e o día 17 de maio terá lugar o III Concurso de pintura rápida “Chicho Solveira”, dotado con 1º e 2º premio, e no que haberá unha categoría xuvenil de 11 a 16 anos, e outra infantil de 4 a 10 anos. As inscricións poden realizarse a través do correo electrónico coemsa2010@hotmail.com ata o 16 de maio, e pódese obter máis información sobre o concurso no facebook “Sabarís é outra historia”.
O horario de apertura ao público do Multiusos Mercado de Sabarís durante os tres días será de 11:00 a 21:00 horas, sendo a entrada totalmente gratuita.
A actividade está organizada polas asociacións de comerciantes Coemsa e Ovalmi, coa colaboración do Concello de Baiona, Abanca, Irene Silva, e Viveiros de Sabarís.