Baiona é un dos 11 municipios galegos que participan na campaña “Recicla, únete ao Reto” co obxectivo de mellorar os datos de quilos recolleitos a través do colector amarelo.
Trátase dun reto proposto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases domésticos lixeiros en España), para aumentar a achega ao colector amarelo un 10% durante tres meses consecutivos, comparando estas achegas co mesmo período de tempo do ano anterior de cada municipio; é dicir, cada municipio compite consigo mesmo.
Os municipios que consigan mellorar a súa taxa de reciclaxe neste período, recibirán un premio de 1.500 € para investir nunha causa social, a elixir por cada Municipio.
Para conseguir o obxectivo marcado, será fundamental motivar á cidadanía informando sobre a importancia de separar correctamente os envases en orixe, para a súa posterior recollida selectiva e reciclaxe, sen depositar impropios en ningún caso.
Con este fin, desde o 1 de abril ata o 30 de xuño desenvolveranse diferentes accións nos 13 municipios participantes. Xa se están a instalar uns valos publicitarios coa imaxe da campaña en puntos estratéxicos do Concello.
Irase informando da campaña en redes sociais e un equipo de 2 promotores visitará distintos puntos de Baiona co fin de tomar contacto co comercio e a hostalería, repartindo e instalando vinilos coa imaxe da campaña en escaparates, repartindo pulseiras de tea, e explicando aos cidadáns a campaña e a importancia da reciclaxe no colector amarelo para conseguir o reto.
“Con estas accións de proximidade o Concello de Baiona traballa para xerar un cambio de hábitos na cidadanía e mellorar as cifras da recollida selectiva na localidade. A campaña enmárcanse no cambio de modelo de xestión de residuos que promove o consistorio baionés para alcanzar os obxectivos europeos de recollida selectiva, tender cara ao residuo cero e avanzar cara á economía circular. Este cambio implica a participación activa de toda a cidadanía”, sinala o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.
Así pois, o obxectivo é comunicar o gran custo económico, ambiental e sobre a saúde que supón a xestión dos residuos xerados e difundir o cambio de paradigma do novo modelo: os residuos dun proceso son recursos doutro proceso.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal